jueves, 24 de septiembre de 2009

¡QUEREMOS GALEGO! ¡QUEREMOS GALEGO!



Domingo, 18/10. Manifestación QUEREMOS GALEGO


QUEREMOS GALEGO - A plataforma cidadá QUEREMOS GALEGO convoca unha gran manifestación en favor da lingua para o vindeiro domingo 18 de outubro en Santiago de Compostela


A marcha, que se prevé histórica, partirá ás 12 da mañá da Alameda

A plataforma activará nos próximos días o proceso para levar á rúa a iniciativa lexislativa popular “para a garantía dos dereitos lingüísticos”, que xa ten texto definitivo
O emblemático Café Casino de Santiago de Compostela acolleu na mañá de hoxe o primeiro dos actos públicos da plataforma cívica QUEREMOS GALEGO, nacida no pasado mes de xullo a partir dun proceso de debate e reflexión para articular unha resposta social todo o ampla posíbel fronte ás medidas que o goberno da Xunta está a impulsar contra a nosa cultura.

Na conferencia de imprensa celebrada hoxe, Fran Rei, en representación da comisión xestora de QUEREMOS GALEGO, deu conta do proceso de expansión territorial no que neste momento se encontra a plataforma, coa perspectiva de que nos próximos días conclúan os actos constituíntes, previstos nun total de 19 comarcas que abranguen, segundo explicou, “a práctica totalidade do país”. Será entón cando se coñeza o número de entidades e persoas a título individual que compoñen a plataforma, “se ben os actos que xa se realizaron están a caracterizarse por unha asistencia que mesmo soborda as previsións”, indicou.

A plataforma QUEREMOS GALEGO anunciou a data da gran manifestación en favor da lingua cuxa convocatoria xa adiantara no mes de xullo: será o vindeiro 18 de outubro en Santiago de Compostela e partirá ás 12 da mañá da Alameda. Fran Rei sinalou que é unha convocatoria na que se chama a participar ao conxunto da sociedade galega, “a esa inmensa maioría de galegas e galegos que queren o seu idioma, que o consideran un dos nosos máis valiosos patrimonios e sinais colectivos, por riba de afiliacións ou mesmo da lingua que empreguen para comunicarse no día a día”. Esa mesma chamada ao conxunto da sociedade “é válida tamén para que se sumen a esta plataforma e ás súas iniciativas as persoas e entidades que entenden o galego como un elemento a querer e a defender fronte a quen pretende agredir os nosos dereitos”, dixo.

O acto de presentación pública das primeiras iniciativas de QUEREMOS GALEGO contou coa participación dunha vintena de representantes de entidades cidadás que xa fan parte da plataforma e tamén coa do polifacético músico e escritor Xurxo Souto, que falou no nome do grupo de persoas que, vinculadas a ámbitos diversos da sociedade, van ir colaborando nas distintas iniciativas que se vaian pondo en marcha desde este proxecto cidadán.

O ex vocalista do mítico grupo Os Diplomáticos de Monte Alto e animador de millenta iniciativas sociais e culturais do máis diverso animou ao conxunto das galegas e dos galegos a recuperar “o pulso, o poder e a palabra” participando da manifestación do 18 de outubro e a apoiar as iniciativas que a prol do noso idioma propio se promoveren. Dirixiuse moi especialmente “ás moitas e aos moitos votantes do Partido Popular que queren o galego e rexeitan, con toda certeza, a guerra declarada polo goberno da Xunta contra o noso máis importante valor, contra o elemento que mellor nos une”.

Por outra parte, esta mañá presentouse tamén o texto da iniciativa lexislativa popular pola protección dos dereitos lingüísticos, que desde a plataforma se promove. Trátase dun texto “moi breve e sinxelo que non reclama imposíbeis”, segundo explicou Fran Rei, “senón a adopción de medidas legais dirixidas a cumprir todo aquilo que xa está previamente recollido na lexislación”. A ILP será rexistrada nos próximos días no Parlamento de Galiza, que ten un máximo dun mes para decidir sobre a súa admisión a trámite e dar instrución á Xunta electoral central para que inicie o procedemento recollido legalmente.

A plataforma QUEREMOS GALEGO conta con poder levar a iniciativa á rúa e comezar a recollida de apoios o vindeiro mes de novembro, estendéndoa durante 4 meses.